Tuesday 14 de May de 2024

O GES de Brión extingue un lume nun segundo piso no Milladoiro (Ames) no que só houbo danos materiais


Durante a madrugada, actuou en dúas saídas de vía na Amañecida (Brión) e no Milladoiro (Ames) que se saldaron con danos materiais

in de semana movida para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión, que ao longo da madrugada do domingo tivo que saír a dous accidentes de tráfico por sendas saídas de vía dos respectivos vehículos, sen que houbese que lamentar danos persoais. En ambos os dous casos participaron tres técnicos do GES brionés a bordo da Bomba Lixeira Urbana (BUL) e o vehículo de intervención rápida (VIR).

O primeiro sinistro tivo lugar no lugar da Amañecida (Brión) e tratouse dunha saída de vía na que o vehículo chocou cun poste que, ao caer, cortou momentaneamente a estrada. Só houbo que lamentar danos materiais. Horas despois tivo lugar unha segunda saída de vía, nesta ocasión na avenida Rosalía de Castro do Milladoiro (Ames) na que o vehículo implicado volcou ao colidir con outro vehículo que estaba estacionado. Ambos coches, e un terceiro tamén estacionado que foi afectado de forma indirecta, sufriron danos materiais mentres que o ocupante do vehículo que colidiu foi trasladado ao hospital aparentemente ileso.

Lume no Milladoiro

Finalmente, ás 14:30 horas deste domingo o GES de Brión recibiu a alerta do 112 dun lume nun segundo piso no Milladoiro (Ames), ata onde se desprazaron tres técnicos co BUL e a Autoescada Automática. Unha intervención na que tamén participaron efectivos dos Bombeiros de Boiro, Policía Local de Ames, Garda Civil do Milladoiro e unha ambulancia.

Ao chegaren ao lugar dos feitos, os técnicos do GES brionés observaron que saía bastante fume pola fiestra da vivenda. Unha vez dentro, atoparon a campana extractora ardendo, posiblemente por unha tixola ao lume. Con todo o edificio desaloxado por prevención, procedeuse a extinguir o lume e a ventilar a vivenda, na que se produciron danos materiais. Non houbo que lamentar ningún tipo de dano persoal.